24 e 25 de febreiro e 24 e 25 de marzo.
A química tamén se cociña!
No Club de Ciencia continuamos descubrindo que a ciencia está presente en todas as partes... incluso na cociña. Nestas sesións mergullámonos no apaixonante mundo da química e aprendemos que cada vez que mesturamos, quentamos ou arrefriamos os alimentos se producen cambios que podemos explicar grazas á ciencia.
Comezamos coñecendo que é a química e descubrindo que está presente en moitas das accións que realizamos a diario. Observamos exemplos tan cotiáns como un ovo que pasa de líquido a sólido ao cocelo, a xelatina que endurece ao arrefriarse, a masa do pan que medra grazas ao lévedo ou un xeado que se solidifica co frío. Así comprendemos que a química forma parte da nosa vida moito máis do que imaxinabamos.
A continuación achegámonos á cociña molecular, unha disciplina que combina ciencia e gastronomía para crear pratos sorprendentes con novas texturas, formas e presentacións. Descubrimos como os cociñeiros empregan o coñecemento científico para innovar e sorprender aos comensais, convertendo a cociña nun auténtico laboratorio.
Chegou entón o momento de experimentar. O alumnado participou en retos de cociña molecular elaborando unha pequena degustación . Mediante a técnica da esferificación, utilizando alxinato de sodio e lactato cálcico, conseguimos crear pequenas esferas líquidas que sorprenderon a todos pola súa textura e aspecto, comprobando como a ciencia pode transformarse nunha experiencia gastronómica divertida e fascinante.
Nas sesións que realizamos o 24 e 25 de febreiro contamos, ademais, cuns convidados moi especiais. Recibimos a visita de profesorado procedente de Madrid, Sevilla e Asturias, participantes no programa de Agrupacións Escolares, que puideron coñecer de primeira man o traballo desenvolvido no noso Club de Ciencia e participar activamente na experiencia de cociña molecular. A súa presenza converteu a actividade nunha magnífica oportunidade para intercambiar experiencias educativas, compartir boas prácticas e amosar como a ciencia é unha excelente ferramenta para aprender de forma cooperativa e creativa.
Foron sesións cheas de curiosidade, experimentación e aprendizaxe, na que comprobamos que a química non só está nos laboratorios, senón tamén nas nosas cociñas. Unha vez máis, o Club de Ciencia demostrou que aprender facendo é a mellor maneira de espertar a curiosidade científica e de converter cada experimento nunha nova aventura. 🔬👨🍳🍴