O Club de Ciencia despega cunha misión moi especial: "Voo perfecto"
Os días 29 e 30 de outubro puxemos en marcha unha nova edición do Club de Ciencia do CEIP Plurilingüe Nº1 de Tui. Para inaugurar este novo curso convertémonos en auténticos enxeñeiros e enxeñeiras aeronáuticas coa misión "Voo perfecto", descubrindo os segredos que permiten aos avións voar.
Comezamos investigando o poder do aire mediante pequenos experimentos. Observamos como o aire en movemento pode cambiar a presión e coñecemos o efecto Bernoulli, comprendendo por que as ás dos avións son capaces de xerar sustentación.
Despois chegou o momento de poñer en práctica todo o aprendido. Cada participante construíu tres modelos diferentes de avión de papel (planeador, rápido e estable) e realizou probas para analizar cal voaba máis lonxe, permanecía máis tempo no aire ou mantiña un voo máis recto. Medimos, comparamos resultados e extraemos conclusións sobre como inflúen as ás, a punta ou o peso no comportamento de cada avión.
Para rematar, o alumnado afrontou un desafío cooperativo: deseñar un novo modelo de avión capaz de voar o máis lonxe e recto posible, aplicando todos os coñecementos adquiridos. Cada equipo presentou o seu deseño, explicou as decisións tomadas e puxo a proba a súa creación nun emocionante reto final.
Foi un comezo de curso cheo de curiosidade, experimentación e aprendizaxe, no que descubrimos que a ciencia está presente en cada voo e que investigar tamén pode ser moi divertido.