jueves, 18 de diciembre de 2025

SESIÓNS NOVEMBRO E DECEMBRO 2025

 O Club de Ciencia pon a proba os nosos ollos… e o noso cerebro!

Os días 23 e 24 de novembro e o 16 e 17 de novembro, o alumnado do Club de Ciencia mergullouse no fascinante mundo das ilusións ópticas, descubrindo que non sempre vemos a realidade tal e como é. A través de diferentes retos e experimentos comprobamos que os nosos ollos captan a información, pero é o cerebro quen a interpreta, podendo chegar a enganarnos.

Comezamos coñecendo o funcionamento do ollo humano e comprendendo como a luz chega á retina para ser procesada polo cerebro. A continuación analizamos algunhas das ilusións ópticas máis coñecidas, como a ilusión de Ponzo, a grella de Hermann, o triángulo de Penrose ou o xerro de Rubin, descubrindo por que percibimos tamaños, formas e figuras que en realidade non existen.

Durante as sesións tamén reflexionamos sobre a importancia da percepción cerebral, entendendo que o cerebro interpreta constantemente a información visual empregando patróns e experiencias previas, o que explica moitas das ilusións que observamos.

Para rematar, convertémonos en auténticos creadores de ilusións ópticas. Experimentamos con diferentes propostas, resolvemos desafíos visuais, descubrimos o coñecido "truco da tableta de chocolate" e incluso debuxamos un buraco en tres dimensións, poñendo en práctica técnicas de perspectiva que sorprenderon a todos e todas.

Unha vez máis, comprobamos que a ciencia tamén nos invita a cuestionar o que vemos e a entender mellor como funcionan os nosos sentidos.Sesións cheas de curiosidade, sorpresa e moitas ganas de seguir investigando. 🔬🧠👁️