Nas sesións do mes de abril (días 29 e 30) e de maio (días 20 e 21), no Club de Ciencia dedicámonos a preparar o noso Show Científico, que presentamos no Congreso EDUCODS, onde o alumnado foi o verdadeiro protagonista.
Durante as sesións de abril:
🔍 Eleximos os experimentos que queriamos mostrar no show. Fixemos probas para comprobar se funcionaban ben e cales eran os máis impactantes para o público.
En maio:
📝 Preparamos o guión do espectáculo: quen explicaba cada parte, como introducir os experimentos, como facer preguntas ao público…
🎭 Fixemos un ensaio xeral, onde valoramos os logros, detectamos aspectos a mellorar e fomos afinando a posta en escena.
Durante a preparación do Show Científico, o alumnado organizouse por grupos, cada un encargado dun experimento diferente. Aquí vos contamos o que fixo cada grupo:
🥚 Grupo 1 – Experimentos con ovos
Este grupo puxo a proba os límites da resistencia dos ovos. Mostraron que é posible camiñar sobre ovos sen que se rompan, grazas á forma e estrutura da súa casca. Tamén fixeron a proba de tirar ovos ao chan dentro dunha bolsa con sal, observando que non se rompen, xa que o sal absorbe parte do impacto.
🌈 Grupo 2 – Arco da vella do pH con col morada
O segundo grupo preparou un indicador natural usando col lombarda (col morada). Mesturando o líquido extraído da col con diferentes substancias (ácidas ou básicas), demostraron como cambia de cor segundo o pH. Crearon un arco da vella químico, amosando que a ciencia tamén pode ser visual e artística.
🔍 Grupo 3 – Cazadores de amidón
O terceiro grupo buscou a presenza de amidón en distintos alimentos: pan, cacahuetes, galletas e mazás. Usaron lugol (iodo) como indicador. Ao engadilo, os alimentos con amidón cambiaban de cor a un azul escuro ou negro, mentres que os que non tiñan amidón (como as mazás) non cambiaban. Un experimento sinxelo pero moi útil para entender o que comemos.
💡 Grupo 4 – Fluorescencia na escuridade
Este grupo realizou un experimento moi visual e impactante. Mostraron como certos materiais brillan na escuridade cando se iluminan con luz ultravioleta. Prepararon un bote con líquido fluorescente, que comezou a brillar ao apagarse as luces e acender a luz negra, sorprendendo a todo o público.